Este certame convocase por iniciativa do Concello de Coristanco coa colaboración dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos CPI Alcalde Xosé Pichel, CEIP Canosa-Rus, CEIP Bormoio-Agualada e Cra A Tarandeira.
Asunción Antelo converteuse nun referente artístico e literario grazas a súa gran bagaxe e legado cultural formado por innumerables obras de madeira, pedra e barro; e da que afloraron tamén ringleiras de versos froito da súa vizosa creatividade. Asunción representa a ruptura dos estigmas das mulleres do rural, como ela mesma dicía, “Eu nacín antes de tempo”. Artista multidisciplinar, lenda da comarca de Bergantiños, mantense viva na lembranza de todos cun pano na cabeza e vestidiña de negro, gardando cadernos de versos ou textos en prosa onde deixou recollido o seu imaxinario mundo creativo.
A finalidade desta convocatoria, un ano máis, é conmemorar a herdanza desta autora con gran sensibilidade e emoción poética, que escribía con liberdade, poemas nos que describía cos detalles máis minúsculos, pedaciños da súa vida. Pretendemos así fomentar os valores literarios, promover a creación e a difusión cultural de Coristanco e descubrir o talento tendo como inspiración a Asunción Antelo, Rexubeira de Bergantiños.
▶️Prazo de presentación: 3 ao 15 de maio de 2023
▶️Lugar de presentación: CPI Alcalde Xosé Pichel, CEIP Canosa-Rus, CEIP Bormoio-Agualada e Cra A Tarandeira.
▶️Modalidades: Cómic, Narrativa, Poesía, Monográfico e Debuxo.
Para máis información:
651 664 908
biblioteca@coristanco.gal