Despois dunha intensa fin de semana, os 26 veciños e veciñas de La Guyonnière que visitaron Coristanco emprenderon a viaxe de regreso, pero puxéronlle “deberes” ao goberno municipal que encabeza Antonio Pensado: a organización dunha viaxe de volta para o verán do 2016. As veciñas e os veciños de Coristanco recibirán cumprida información por parte da Concellería de Cultura, que segue a traballar en propostas que reforcen o irmandamento entre as dúas localidades.

visita maio 2015 (reducida)

Dentro dese proxecto figura unha viaxe de representantes municipais a terras francesas no vindeiro mes de outubro para participar no acto de inauguración dun centro de día para maiores en La Guyonnière. Ademais, de cara ao verán trabállase na posibilidade de recibir a un grupo de mozos e mozas para intentar implicar aos máis novos na iniciativa do irmandamento.

A última actividade foi a visita realizada por eses 26 veciños e veciñas _entre eles o alcalde_ da vila francesa a Coristanco entre os días 1 e 4 deste mes. Despois dun entrañable recibimento no edificio de servizos múltiples por parte das familias acolledoras, gozaron dunha fin de semana de actividades de convivencia, excursións pola Costa da Morte, visita ao refuxio de Verdes e á feira de Agualada e unha comida de confraternidade na que non faltaron nin o baile tradicional nin a queimada. O luns marcharon, pero con mágoa despois de tres xornadas tan amenas e interesantes.