O Concello de Coristanco recibe esta fin de semana unha visita institucional do alcalde de La Guyonnière, Michaël Orieux, e de tres representantes do comité de irmanamento da localidade francesa. A delegación chegará a terras bergantiñás mañá pola noite, e durante a fin de semana participará tanto en reunións de traballo para preparar as próximas iniciativas conxuntas coma en actividades de carácter lúdico e cultural.
O sábado pola mañá terá lugar o primeiro encontro entre representantes dos dous concellos no edificio de servizos múltiples. Na reunión, convocada para as 10.30 horas, tratarase a posibilidade de organizar intercambios entre estudantes de ámbolos concellos. Tamén comezarán os preparativos de cara a unha viaxe de veciños e veciñas de Coristanco a La Guyonnière o vindeiro ano 2015.
Despois da xuntanza, os equipos de traballo encabezados por Michaël Orieux e Antonio Pensado Plágaro desprazaranse ata a parroquia de Verdes para participar na tradicional romaría de San Adrián, con costumes tan singulares coma a poxa de galos. Nese encrave gozarán dunha comida campestre e dunha tarde de ocio que se complementará cun percorrido polos principais lugares de interese do municipio. O domingo haberá unha nova reunión de traballo e comida de despedida, xa que a delegación francesa partirá esa mesma tarde rumbo a La Guyonnière.