
No día de onte recibimos un agasallo moi especial. As autoras locais Loli España e Isabel Soutullo visitaron a Casa Consistorial para darnos a grata sorpresa coa cesión de dúas das súas obras adicadas á pataca e a celebración que dende 1980 vimos a festexar. Aínda que este ano 2020, por mor da pandemia e a situación sanitaria,
tivemos que postergar esta celebración; dende o Concello de Coristanco iniciouse unha campaña co lema “A pataca de Coristanco resiste” para que puideramos buscar consolo no recordo de tempos mellores e na ilusión dun futuro festexo acollido pola
cultura e a tradición da zona. Colaborando con este proxecto, foron moitos os veciños que compartiron material con este fin: debuxos, figuras feitas con patacas, fotografías, desfiles nos corredores dos seus fogares… Loli e Isabel tamén decidiron facer chegar o seu apoio en forma de obra artística e realizar como ben deixou escrito Loli na súa dedicatoria “Unha proposta para testemuñar o respecto e cariño por unha festa que pon en valor un produto de horta emblemático en Coristanco, a pataca. (…) Seguir en ruta loitando de maneira infinita cara un futuro brillante cheo de ilusións, deixando atrás todo o malo que puidera haber.”