Centaurea ultreiae

Descuberta para a ciencia no 1987 polo botánico Francisco Javier Silva Pando, a Centaurea ultreiae, a nosa centaurea, é unha pequena planta, que debe o seu nome á expresión dos peregrinos ultreia, “máis ala”, e que ten no concello de Coristanco a case totalidade da súa poboación mundial.

 

Esta tan limitada distribución é debida á súa necesidade, ou á súa tolerancia, aos chamados solos ultrabásicos. Galicia ten, en xeral, solos de carácter acedo, pero existe unha banda irregular en forma de “U”, desde Carballo ata Cedeira, pasando por Melide, onde aparecen na superficie rochas coma os gabros, anfibolitas ou as serpentinitas, que na súa degradación producen solos de pH básico. A centaurea vive nesta illa de solos básicos arrodeada dun mar de solos acedos. É precisamente nestas zonas xeoloxicamente diferenciadas onde medran moitos dos endemismos (especies cuxa distribución está limitada a Galicia) coma a Centaurea ultreiae Silva Pando, a Centaurea borjae Valés Berm & Rivas Goday (especie moi próxima) ou a Santolina melidensis (Ror.Oubiña & S.Ortiz) Rodr. Oubiña & S.Ortiz.

A Centaurea ultreiae é unha planta da familia das compostas, do grupo dos cardos, de fermosas flores amarelas ou alaranxadas. As súas follas nacen pegadas ao chan en forma de roseta, miden entre 6 e 12 cm e están cubertas dunha fina capa de pelo. Asemade, as follas, divídense en moitos pequenos lóbulos, e o nervio central adoita presentar unha cor violácea. Posúe un forte rizoma, talo subterráneo, de onde poden nacer novas rosetas (vástagos) permitindo a reprodución asexual da especie.

O que parece unha flor relativamente grande é en realidade unha multitude de pequena flores en forma de tubo denominada capítulo. Os capítulos, de ata 4 cm, aparecen no centro da roseta, frecuentemente solitarios ou en grupos de ata cinco, enriba dun pedúnculo que apenas as eleva sobre o chan. O froito é unha cipsela, é dicir, un froito seco unido a unha estrutura de pelos brancos en forma de paraugas (chamada papo), que, a pesar de que noutras especies semellantes ten a función de permitir que este froito, coas súas sementes dentro, se desprace grazas ao vento, na centaurea permite que as formigas ou a auga da chuvia realicen a súa dispersión.

Esta especie florece a finais da primavera, desde mediados de maio ata agosto, co seu máximo en xuño, sendo polinizada por abellóns principalmente.

Se ben o que caracteriza ao hábitat da centaurea é a composición química do solo, rico en arxilas avermelladas procedentes da degradación e erosión dos gabros e serpentinitas ultrabásicas, factores coma o grao de asolagamento do terreo ou a competencia pola luz con outras especies inflúen na súa aparición. Así é doado atopalas en claros de plantacións forestais, beiras de camiños, noiros…áreas onde chega unha cantidade de luz suficiente ao solo, desaparecendo cando especies coma os toxos, xestas ou as árbores en xeral deixan a estas pequenas plantas na sombra.

A Centaurea ultreiae comparte ou seu hábitat con numerosas especies das matogueiras galegas, coma a Glandora prostrata (Lonsel.) D.C.Thomas, Ulex europaeus L., Erica cinerea L., Erica umbellata L., Erica ciliaris L., Pteridium aquilinum (L.) Khun., Pseudarrhenatherum longifolium 8Thore) Rouy, Agrostis curtisii Kerguélen, Rubus sp. etc.

A nosa centaurea aparece recollida no Libro Vermello da flora Vascular de España como en perigo crítico e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como en perigo de extinción. Sendo unha planta que tolera relativamente ben a presión humana, como incendios forestais, pastoreos, rozas… a súa tan exclusiva distribución, limitada ao Monte Castelo, situado principalmente dentro do Concello de Coristanco, pero tamén nos de Santa Comba, Carballo, Dumbría e Tordoia, fai que sexa extremadamente vulnerable á destrución directa do seu hábitat, por grandes repoboacións, construción de infraestruturas, tratamentos de cunetas con herbicidas, etc…

O Libro Vermello das Flora Vascular de España censa a súa poboación en pouco menos de 7000 exemplares pero o último estudo realizado polo seu descubridor no 2021, fala dun mínimo de 7500 exemplares, cada un con 3 ou 4 vástagos, o que fai un total de entre 15. 000 e 20.000 vástagos.