Setenta veciños e veciñas de Coristanco iniciaron esta semana os cursos de informática para adultos organizados pola Concellería de Cultura. Debido á elevada demanda foi preciso crear sete grupos, que se distribúen en quendas de mañá (catro) e tarde (tres) e ocupan os dez postos dispoñibles na aula de informática do edificio de servizos múltiples. As persoas que quedaron en lista de agarda serán convocadas no caso de que se produza algunha baixa.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

O servizo municipal de Cultura distribuíu aos participantes en tres niveis, iniciación, mantemento e perfeccionamento, en función dos seus coñecementos de informática. No primeiro nivel adquirirán coñecementos básicos sobre o uso do ordenador, crearán as súas contas de correo electrónico e aprenderán a buscar contidos e a descargalos, en función das súas preferencias. De feito, o obxectivo é adaptar os cursos ás necesidades e/ou gustos dos alumnos e alumnas. Para as persoas que participaron xa no curso de iniciación en anos anteriores está o de mantemento, que lles permitirá refrescar os seus coñecementos e seguir avanzando na navegación pola rede. En perfeccionamento tamén se inclúen, entre outros contidos, as redes sociais.

Nos obradoiros participan persoas das diferentes parroquias e de todas as idades. O maior dos alumnos ten 80 anos.