O pasado venres 4 de setembro, o Refuxio de Verdes acolleu a presentación do libro “O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños”. O acto, promovido polo Concello de Coristanco, contou cunha presentación a cargo de Jose Antonio Andrade e a posterior intervención dos autores Fernando Cabeza, Evaristo Domínguez, Xan Fernández e Luís Giadás.
Dende o concello queremos felicitar aos escritores pola súa iniciativa á hora de elaborar un estudo tan detallado, o cal acolle non só unha mirada ao pasado a través do seu protagonista, o río Anllóns, senón tamén un cargado mensaxe de futuro.
Por motivos de control de aforo, sentimos que non todos os interesados puideran asistir á presentación. A situación impediunos poder compartir cun maior número de convidados este evento pero debemos rexernos pola necesidade de prevención que debe primar neste momento. Damos as grazas pola comprensión e o acatamento das medidas sanitarias.
Os estantes da Biblioteca Municipal de Coristanco xa contan con varios exemplares desta obra, nos que a ben tiveron os autores deixar a súa rúbrica cunha dedicatoria especial para os lectores.
O concello de Coristanco tamén fará chegar ás Bibliotecas do CPI Alcalde Xosé Pichel, EFA Fonteboa, CEIP Bormoio Agualada, CEIP Canosa Rus e CRA Coristanco Santa Comba esta obra, con exemplares que repartirá nos vindeiros días.