Este vindeiro sábado e domingo, a Federación Galega de Pesca e Casting en colaboración co Concello de Coristanco, desenvolverá no couto de pesca de Verdes a competición de ámbito autonómico Selectivo Salmónidos Mosca.

A competición é clasificatoria para o campionato de España da especialidade 2023 e nela participan 26 deportistas das catro provincias galegas. Tamén o catro veces campión do mundo de pesca David Arcay e o actual campión de España, José Luís Fernández Lóez “Cantiz”.

Nesta disciplina deportiva Galicia é punteira en España. No derradeiro campionato de España o primeiro e o segundo posto en individual foron para deportistas galegos e Galicia foi medalla de ouro por selección autonómica.