Coristanco, 18 de novembro do 2014. O Concello de Coristanco iniciou hoxe os trámites para o refinanciamento da débeda derivada do plan de pago a provedores, que nestes momentos sitúase en 1.255.765,83 euros. Nunha sesión extraordinaria celebrada ás 9 horas, a corporación acordou solicitar ofertas ás distintas entidades bancarias coa intención de rebaixar os intereses actuais, que están case no 6 %. Segundo explicou o alcalde, Antonio Pensado Plágaro, nestes momentos as entidades financeiras ofrecen condicións máis vantaxosas, polo que se espera acadar un aforro importante. O acordo foi apoiado polos concelleiros do PP. Terra Galega votou en contra e PSOE e BNG non asistiron á sesión.

O Concello de Coristanco ten un remanente líquido de tesourería de 647.326,77 euros procedentes da liquidación do orzamento do ano pasado, pero aínda que podería destinar eses cartos a amortizar a débeda, que quedaría reducida á metade, prefire investilos en crear riqueza e emprego, explicou o alcalde. Así, eses máis de 600.000 euros incorporaranse ao orzamento para “apoiar ás familias mediante actuacións que contribúan á creación de emprego”, subliñou Pensado Plágaro.