Estamos xa na conta atrás para o Entroido de Coristanco, porque o vindeiro día 9 comezarán as actividades. A ludoteca municipal acollerá de luns a mércores obradoiros de disfraces, maquillaxe, máscaras e antifaces… Todo o preciso para que os máis pequenos vivan estas datas coa máxima intensidade. A ludoteca abrirá as súas portas de 15 a 20 horas, cinco horas do máis entretidas para os nenos e nenas.

Dentro do programa de actividades na ludoteca, para o venres 13 está prevista a Merenda Entroideira, cun menú moi doce: orellas, buñas, filloas, rosquillas e chocolate. Todos os doces típicos da época e chocolate ben quentiño para unha tarde de diversión dende as 17 ata as 20 horas.

O luns 16 regresarán os obradoiros á ludoteca. Os nenos e nenas continuarán coa elaboración de disfraces, maquillaxe e máscaras para as festas, pero durante as vacacións escolares cambia o horario. Deste xeito, os talleres desenvolveranse de 9 a 14 horas ata o mércores 18.cartel  (1)

Os escolares terán unha nova cita o venres 20. O edificio de servizos múltiples acollerá de 17.30 a 20 horas a Festa Infantil do Entroido, na que haberá talleres, música, xogos, desfile de disfraces e sorteo de agasallos entre os asistentes.

Festa dos Maiores

Pero o Concello de Coristanco tamén pensa nos maiores. O sábado 21 celebrarase a Festa da 3ª Idade. O edificio de servizos múltiples converterase nunha gran pista de baile para que os asistentes poidan gozar da música do Dúo Libertad. Ademais, entre todos aqueles que acudan disfrazados sortearanse tres cocidos para dúas persoas no restaurante Casa Sánchez, e ademais haberá outros premios sorpresa. A música empezará a soar ás 18 horas e a festa prolongarase ata as 21.