María Castro Romero naceu no 1905, no lugar de Soutullo, parroquia de Erbecedo.

A súa paixón de pequena era cantar e tocar a pandeireta, adoitaba facelo cando ía coas vacas cara o monte e a súa voz chegaba ata moitos veciños. Nunha ocasión chegaron a súa casa para que fora cantar incluso fóra de España, mais naquel momento os seus pais non a deixaron ir.

Casou con Esteban Canosa Fernandez e tiveron cinco fillos. Adicáronse á labranza, pero sempre que lle pedían o sobrado para facer unha ruada, nunca dicía que non. Iso si, había que facelo en zapatillas, pois os zocos rozaban o chan de madeira. Pese a iso a algarabía o son da pandeireta e das voces chegaban ata Entrecruces e Rus.

Foi polo ano 85 cando rexurdiu o folclore galego. Empezaron a vir grupos moi recoñecidos a recuperar pezas de baile e cántigas, onde se puido comprobar que María era un libro aberto á cultura popular: Mercedes Peón, Xacarandaina,Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro de Vigo entre moitos máis viñeron cabo dela aprender.

Raro era un sábado ou un domingo no que non se acercara algún grupo para facer algunha recollida de canto ou que non fora actuar alo onde a chamaban. Comentaba que cantar e bailar lle devolvera a vida. Algúns netos e bisnetos seguiron coa súa tradición.

Tivo moitas homenaxes: no programa Luar, no Teatro García Barbón de Vigo, en Erbecedo e no propio Concello de Coristanco.

Foron innumerables as ocasións nas que María conmoveu ao seu público, dando a saída ao desfiles de tractores engalanados na Festa da Pataca ou nos festexos na área recreativa da Rocheira. Aínda que se destacamos un momento, rememoramos o emocionada que quedou a xente que acudiu á Festa da Pataca polo 94, cando María, xunto coa súa neta Ana (mestra de pandeireta e canto da Asociación Cultural Virxe da Saleta), interpretaron o Cantar do Arrieiro.

Os seus compañeiros de viaxe eran o seu pucho e a bolsa coa pandeireta dentro. Pedía que cando morrera non se esqueceran de poñerlla na caixa.

Sempre dicía que ó 2000 non chegaba e así foi. No nadal do 99 deixounos a Señora María, como acostumaban chamarlle todos.

Pero os anos pasan e aínda seguimos acordándonos dela, cada vez que se escoita o meneo e muiñeira de Silván e o Cantar do Arrieiro.

Agradecerlle a Luis Prego do Fiadeiro de Vigo, que de cando en vez colga no seu Muro de Facebook algunha recollida dela, como así colaborou con nós facéndonos chegar vídeos, fotos e anécdotas desta gran muller.

Grazas María por todo o que nos ensinaches.