Ao longo da historia, moitas mulleres loitaron por conseguir un espazo destacado nun mundo que parecía dominado polos homes. Moitos avances e costumes cambiaron ao longo dos anos grazas ao esforzo que, dunha ou doutra maneira, marcaron un antes e un despois nas nosas vidas.

Clarisa Fernández Muñiz naceu no lugar de Riveiro, parroquia de Erbecedo, o 19 de xuño de 1944. Empezou a súa andaina no mundo da hostalería xunto co seu home, Manuel Sánchez Lorenzo, no ano 1966 coa apertura dun bar-ultramarinos sito na parroquia de Erbecedo. “Naquel momento, os produtos máis demandados eran xabón, viño e carburo, posto que moitos fogares non dispoñían de electricidade ou de tela, esta se ía de forma moi frecuente, polo que precisaban unha lámpada de carburo para dar luz” narra a propia Clarisa.

Muller forte e independente, non dubidou no ano 1968 en sacar o carné de conducir para así poder repartir os produtos da tenda e ofrecerlle desprazamento a moitos dos seus clientes e veciños.

Para Clarisa, o ano 1979 é de vital importancia pois nese ano naceu o emblemático “Casa Sánchez”. Clarisa fíxose cargo da cociña de maneira autodidacta comezando a elaborar pratos que levaron ao establecemento a acadar unha alta reputación pola calidade da súa cociña tradicional. Porque esta coristanquesa logrou que a súa cociña baseado no produto local e nunha tradición moi marcada foran recoñecidos dentro e fora do noso municipio.

O 1 de febreiro do ano 2013, Clarisa recibiu o galardón “Labor a toda unha vida dedicada á Gastronomía Galega” concedido polo Concello de Lalín, organizador da Feira do Cocido na súa 45º edición.

Cada localidade conta coa súa particular historia gastronómica e, sin dúbida, Casa Sanchez protagoniza un dos capítulos da de Coristanco. No ano 2014, Clarisa foi a primeira muller en ter a responsabilidade de dar o Pregón na Festa da Pataca na súa 34 edición.

Non foi nin a primeira nin a última vez que Clarisa participou e se involucrou na Festa da Pataca. No verán de 2019, “Casa Sánchez” recibiu a visita dos nenos participantes do Campamento Kennebec. Clarisa recibiu aos pequenos cos que compartiu as súas dotes culinarias e xuntos elaboraron unha receita ateigada de segredos, anécdotas e agarimos xirando en torno a gabanza da pataca.

Con case medio século, esta casa de comidas na que traballan varias xeracións da familia Sánchez, conseguiron levar o produto local e a cociña tradicional ao máis alto nivel.

Por iso hoxe, o Concello de Coristanco lle rende homenaxe a unha muller que marcou as nosas vidas e o noso pobo, deixou importantes pegadas ao longo da súa bagaxe profesional e abriu camiño cara a equidade.