Os gobernos municipais de Coristanco e La Guonnière están decididos a estreitar os lazos de unión e a fomentar todo tipo de intercambios, tanto culturais coma educativos e mesmo empresariais. Na recente visita realizada a Coristanco polo alcalde, Michaël Orieux, e outros representantes da vila francesa quedaron sentadas as bases para que así sexa.

Para o equipo de goberno de Coristanco, unha das prioridades é “implicar á xente nova” no irmanamento. Con esa intención iniciaranse os contactos precisos para promover intercambios de estudantes de ámbolos municipios. A idea inicial é que os nenos e nenas de secundaria que estudan francés no colexio de Coristanco poidan viaxar a Francia en período non lectivo para mellorar o coñecemento do idioma e coñecer a cultura do país veciño. Nesa experiencia, que sería de ida e volta, daríase gran participación ao departamento de francés do centro educativo e tamén ás familias, xa que o obxectivo é acadar a implicación de toda a sociedade.

Pero os gobernantes de La Guyonnière tamén apostan polo intercambio empresarial. De feito, o alcalde interesouse especialmente polos xogos dos parques infantís, e aínda que non puido visitar a empresa Galopín si levou amplo material e información facilitados pola firma cercedense. A Michaël Orieux causoulle moi boa impresión o complexo recreativo e deportivo da Rocheira, e tamén se interesou polo céspede do campo de fútbol coa intención de poder utilizalo no seu pobo.

COMITE REDUCIDA 2

A delegación francesa participou activamente durante a fin de semana pasada na vida social de Coristanco, acudiu á romaría de San Adrián de Verdes, fixo un percorrido polo concello e mesmo se achegou ata a Férveda de Entrecruces (Carballo), da que os franceses saíron impresionados. A curto prazo terán ocasión de ampliar ese contacto con Coristanco e coa comarca, xa que en maio do vindeiro ano viaxarán á localidade un grupo de veciños de La Guyonnière.