O goberno municipal de Coristanco está a realizar unha forte aposta por mellorar e crear novas infraestruturas que contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. Xunto ao plan de construción e acondicionamento de prazas e parques públicos, grazas aos fondos do POS 2015, financiado pola Deputación Provincial da Coruña, o vindeiro ano será posible ampliar tamén a rede de locais sociais nas parroquias.
Con este tipo de actuacións, dende o Concello de Coristanco trátase, por unha banda, de facilitar aos veciños e veciñas dos diferentes núcleos de poboación un emprazamento para que poidan desenvolver actividades de todo tipo e, por outra, de apoiar o traballo que desenvolve o movemento asociativo. Ao mesmo tempo, a creación deste tipo de infraestruturas contribúe á consolidación da poboación nas parroquias.
O próximo ano, en concreto, o Concello de Coristanco elaborará os proxectos básico e de execución das edificacións destinadas a locais sociais na parroquia de Castro-Santa Baia e no lugar de Pousada (Cereo). Os investimentos serán moi semellantes. No primeiro caso, a partida aprobada ascende a 94.368.07 euros, e no segundo, a 92.683,64 euros.
Pero os fondos do POS non só permitirán poñer en marcha novos centros veciñais, senón que unha parte importante destinarase a atender as necesidades en materia de infraestruturas viarias e hidráulicas. Entre os proxectos aprobados xa pola corporación municipal de Coristanco figura o de mellora da capa de rodadura de camiños rurais nas parroquias de Oca, Seavia, Verdes, San Paio e Xaviña, ademais da construción de beirarrúas en Agualada e un depósito na parroquia de Couso. O investimento total será de 85.164,20 euros. Outra partida de 47.772,22 euros está reservada para o proxecto técnico de instalación de rede de abastecemento ao lugar de Lume de Suso.