O Concello de Coristanco fixo no 2014 un importante esforzo para acometer con fondos propios unha serie de melloras nas escolas unitarias de Oca e Rabadeira. Segundo avanzou o alcalde, Antonio Pensado Plágaro, nos orzamentos deste ano, que pretende presentar ao pleno da corporación nas vindeiras semanas, está incluída unha partida que permitirá estender o plan de actuación a todas as parroquias para evitar o deterioro dos edificios. Naqueles que xa non teñan uso educativo o obxectivo é que poidan ser utilizados como centros sociais e culturais. “Non queremos que queden abandonadas”, manifestou o rexedor.

SAMSUNG CAMERA PICTURESCon esa filosofía xa se levaron a cabo as primeiras actuacións. Segundo explicou Pensado Plágaro, a finais do curso pasado a directora do CRA e a mestra de Oca presentaron unha memoria de necesidades da escola que se plasmaron nun proxecto dos servizos técnicos municipais xa executado. As obras consistiron no saneamento e pintado interior, a eliminación de humidades e a mellora da instalación eléctrica e da carpintería. Así mesmo, e atendendo unha petición á que se sumaron tamén os veciños e veciñas da parroquia, a planta superior, utilizada como vivenda durante anos, foi reformada por completo para converterse en zona de recreo para os nenos cando chove. Así, suprimíronse tabiques, renováronse a instalación eléctrica e as portas, pintouse e instalouse un novo chan de madeira. A mellora da cuberta e das ventás e o pintado exterior completaron a intervención.

 

SAMSUNG CAMERA PICTURESNestes momentos estanse a acometer obras moi semellantes na escola da Rabadeira, na que, despois da substitución do solo que se levara a cabo no curso anterior, agora acometeuse a substitución da cuberta de tella, a impermeabilización da fachada sur e a renovación das ventás para evitar os problemas de humidade, xa que se trata dunha construción de pouca calidade. Co pintado interior e exterior concluirá a intervención, sufragada, coma no caso de Oca, con fondos municipais.