O tempo acompañou e Coristanco viviu unhas das edicións máis multitudinarias da Festa da Pataca. Milleiros de persoas pasaron ao longo do día pola localidade para participar nas actividades para todos os públicos que encheron de animación as rúas dende a mañá ata a tardiña.
Un dos pratos fortes da Festa da Pataca, o certame de tractores engalanados, resultou de novo todo un éxito. O primeiro premio, dotado con 1.200 euros, levouno Marcos Varela Mira polo seu “Tren Popof”. Pero houbo 12 concursantes e 12 galardóns:
1º O tren Popof, Marcos Varela Mira (1.200 euros)
2º Os reis, Manuel Díaz López (1.000 euros)
3º A Rocheira, Jonathan Lema Calvo (800 euros)
4º As pedras da Barca, Juan Antelo (600 euros)
5º A misa do galo, Jesús Velo Deus (400 euros)
6º Ponte Lubiáns, Antonio Añón Sánchez (300 euros)
7º A pulpeira, Manuel Cambón Freire (200 euros)
8º O faro Vilán, Bea Suárez (150 euros)
9º Casas Nosas, Manuel Busto (150 euros)
10º A carretilla, Manuel Varela Varela (150 euros)
11º O noso campo, José Manuel Facal (150 euros)
12º A festa do castelo, Juan Manuel Facal (150 euros)
A participación non só foi numerosa no concurso de tractores engalanados, senón tamén no de produtos do campo, mellor empanada e, sobre todo, o gastronómico e o de figuras con patacas, no que arrasaron os nenos e nenas coas súas divertidas e ocorrentes creacións.
Concurso gastronómico
1º Rocío Gesto Cambón: Patacas panadeiras con zamburiñas en salsa de vieira (200 euros)
2º Yessica Varela Mira: Tarta de cebola (150 euros)
3º Carmela Rodríguez Rodríguez: Patacas á importancia (100 euros)
Mellor empanada
Pepe Gómez Bravo: empanada de coello (150 euros)
Produtos do campo
1º José Ramón Bello Fondo
2º María Rosa Pose Abelenda
3º Jorge Martínez Matos
Figuras con patacas
1º Alumnos de infantil de 4 anos.
Pero na Festa da Pataca máis gastronómica houbo animación de todo tipo. As charangas, os zancudos, os pallasos e os gaiteiros percorreron as rúas durante todo o día. Non falto a música en ningún momento, tampouco na misa, cantada pola Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco. Ao remate do oficio relixioso tomou a palabra a pregoeira, Clarisa Fernández, que aludiu á importancia que tivo a pataca na alimentación de moitas xeracións e nas numerosas posibilidades culinarias que ofrece hoxe en día. “Non se me ocorre ningún produto que se leve tan ben cos outros alimentos coma ela”, dixo a restauradora. Clarisa Fernández emocionouse ao lembrar aos seus pais, aos que dedicou en certo modo o seu pregón: “Se me están vendo dende algún sitio estarán moi orgullosos”, declarou.
Ás dúas da tarde, como estaba previsto, comezou a degustación de patacas bravas e carne asada con patacas na rúa do Muíño, e despois do xantar continuaron os xogos infantís e os concursos ata a hora da verbena.