Coristanco, 7 de novembro do 2014. O Concello de Coristanco está a levar a cabo un plan de urbanización e mellora de espazos públicos co obxectivo de achegar os servizos ás diferentes parroquias e de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes. Esta semana remataron as obras de acondicionamento dunha nova praza no lugar de Piñeiro, na parroquia de Ferreira, que cumprirá o dobre obxectivo de servir de sobreancho para que os autobuses poidan xirar e como punto de encontro das familias do lugar.
As obras foron costeadas con recursos propios do Concello de Coristanco. Dentro do mesmo programa acometéronse, así mesmo, as prazas de Ribela de Couso e da igrexa da mesma parroquia, ou a recente mellora da seguridade na praza de Cereo mediante a instalación de varandas.
A actuación de máis envergadura realizada nos últimos meses foi a praza de Santa Ana, na Rabadeira (Seavia), que inclúe unha ampla zona empedrada, parque infantil, áreas axardinadas. As obras remataron hai só unhas semanas. Os pequen@s xa teñen á súa disposición un moderno parque infantil, con chan de caucho e xogos variados, e os maiores dispoñen dun parque saudable. Tamén se instalou mobiliario urbano. Neste caso, o Concello de Coristanco contou cunha achega da Deputación, xa que o orzamento acadou os 130.000 euros.
O goberno municipal que preside Antonio Pensado Plágaro traballa nestes momentos en dous novos proxectos en Couso e Traba.