Coristanco, 19 de decembro do 2014. Hoxe foi día de festa para os nenos e nenas de Coristanco. Os 54 alumnos das escolas de Oca, Rabadeira, Valenza, Feira Nova e Xaviña, que integran o CRA, protagonizaron un festival que encheu de nais, pais, avós e avoas o salón de actos do edificio de servizos múltiples. As actuacións dos pequenos remataron coas 12 badaladas, aínda que as uvas foron substituídas por “conguitos”, e cunha foto de familia dos cativos cos seus mestres.

postal

Mentres os alumnos e alumnas do CRA despedían o ano por anticipado, no CPI Alcalde Xosé Pichel celebrábase outro concorrido festival nun ambiente moi familiar, e no que, ademais, procedeuse á entrega do premio do concurso “Postal de Nadal”. A gañadora é Sara Álvarez, alumna de 6º curso, que debuxou un peculiar tendal coa roupa de Papá Noel colgada. Unha colorista interpretación do Nadal que ilustra as tarxetas de felicitación do Concello de Coristanco, nas que o alcalde, Antonio Pensado Plágaro, desexa a todos os veciños e veciñas que o 2015 “veña cheo de saúde e traballo para todos”.

Pola súa banda, os estudantes da EFA Fonteboa celebraron, un ano máis, un concurso de beléns. Seis deles están expostos no edificio de servizos múltiples dende onte e poderán visitarse durante as festas.

As actividades de Nadal organizadas dende a Concellería de Cultura e Deporte terán continuidade este domingo. Ás 18 horas celebrarase o Concerto de Nadal co Coro de Cámara Madrigalia e a Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco.

SAMSUNG CAMERA PICTURESSAMSUNG CAMERA PICTURESSAMSUNG CAMERA PICTURESSAMSUNG CAMERA PICTURESSAMSUNG CAMERA PICTURESSAMSUNG CAMERA PICTURES