Os nenos e nenas de Coristanco non van ter tempo de aburrirse nestas vacacións de Nadal, porque a Concellería de Cultura e Deportes, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, ten preparado para eles un programa de actividades que non lles vai deixar nin un día libre. Pero, aínda que hai moitas propostas dirixidas ao público infantil, a maioría están pensadas para que poida gozar delas toda a familia.

cartelAs actividades comezarán o domingo 21 co Concerto de Nadal. A partir das 18.00 horas actuarán o Coro de Cámara Madrigalia e a Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco, que ofrecerán un repertorio para todos os públicos e sen esquecerse das panxoliñas. A partir do luns 22 intensificarase a oferta. O sorteo da Lotaría Nacional coincidirá coa celebración dunha xornada de deportes de raqueta. A partir das 10.00 horas, nen@s e moz@s poderán practicar tenis, bádminton e tenis de mesa.

Ese mesmo día arrincarán as actividades na ludoteca municipal, que continuarán os días 23, 26, 29 e 39 de decembro e o 2 de xaneiro. Todas as mañás celebraranse obradoiros de globoflexia, maquillaxe, elaboración de tarxetas de Nadal, adornos en fieltro e pintura de figuras en porexpán. E o colofón, o 2 de xaneiro, será a xa tradicional chocolatada, a partir das 17.00 horas.

Dentro das propostas deportivas tamén se encadra a Ruta Cicloturística do martes 23, a partir das 10.00 horas. Tanto para esta actividade coma para a xornada de deportes de raqueta no pavillón deportivo e precisa a inscrición previa. Os interesad@s deben dirixirse ao edificio de servizos múltiples (981 733 280) antes do día 19. Pola súa banda, a Agrupación Deportiva Cultural Coristanco pon o seu grao de area co II Torneo de Nadal de Fútbol Sala na categoría alevín, que reunirá o día 27 a equipos de Ponteceso, Cabana, Sofán, Baio, Zas, Razo e Coristanco.

mamacabra

Para os días 29 e 30 están programadas as actividades de Música e Diversión. O luns ás 17.00 horas actuará o pallaso Popín Palomero na ludoteca, e o martes estará no edificio de servizos múltiples o grupo Mamá Cabra para ofrecer o concerto “Corocorico”.

En xaneiro as actividades xirarán arredor dos Reis Magos. O luns 5 celebrarase unha festa no edificio de servizos múltiples, a partir das 17 horas, con música e baile, talleres, animación e agasallos. Os participantes recibirán ás súas maxestades de Oriente, que sairán ás 17.30 horas de Carrefour e chegarán á vila ás 19.00 horas. O día 6 sairán para realizar o seu tradicional percorrido por todas as parroquias. Sairán ás 10.00 da igrexa de Oca e continuarán por Couso, Xaviña, Ferreira, Traba, Rececinde, Agualada, Seavia, San Paio, Erbecedo e Cuns, a onde teñen prevista a chegada ás 13.20 horas. Pola tarde empezarán en Valenza ás 15.00 horas e seguirán por Castro, Verdes e Cereo, onde rematarán a súa visita ás 15.30 horas.