Con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama que terá lugar o vindeiro 19 de outubro o Concello de Coristanco tínguese de rosa para concienciar á sociedade da importancia da investigación e o diagnóstico precoz desta enfermidade.
En España diagnosticase arredor de 33,000 novos cancros de mama ao ano. É o tipo de tumor máis frecuente en mulleres, 1 de cada 8 mulleres terá cancro de mama ao longo da súa vida e a prevención é básica para aumentar as posibilidades de superar a enfermidade.
O concello de Coristanco vaise implicar nesta conmemoración para dar visibilidade e apoiar a todos os pacientes que loitan cada día para superar esta doenza.
O Domingo 18 de outubro terá lugar a Primeira Andaina Solidaria contra o cancro de mama, cun percorrido de 8,5 quilómetros que dará comezo ás 9,30h con saída dende a Praza do Concello. Para participar será necesaria a previa inscrición antes do venres 16 de outubro ás 14 horas, polas seguintes canles:
- Por Teléfono: 651.66.49.08
- De forma presencial: Biblioteca Municipal
O percorrido terá unha dificultade media-baixa e será recomendable o uso de roupa e calzado axeitado para camiñar.
Dispoñerase da colaboración de servizos de transporte para a volta.
Medidas específicas de prevención:
- Aceptación das medidas de prevención e hixiene descritas en cada momento polo Autoridade Sanitaria competente.
- Uso de máscara obrigatorio.
- Asinado da Declaración responsable sintomatolóxica na que se declara coñecer os síntomas compatibles coa Covid-19 e os riscos que poida supoñer para unha persoa vulnerable e que non se acudirá ao evento en caso de ter síntomas ou estar en corentena.
- Manterase en todo momento o distanciamento social.
- Disporase de solución hidroalcohólica.