O Concello de Coristanco e FEGADACE colaboran na sensibilización e prevención do dano cerebral cunha charla que terá lugar o mércores 9 de xuño, ás 11:00 no Edificio de Servizos Múltiples situado na rúa Pataca, s/n (Coristanco). Para garantir a maior seguridade fronte a contaxios por COVID-19, o concello habilitou un procedemento de inscrición previa na Biblioteca Municipal, por teléfono no 651 664 908, ou a través do correo electrónico biblioteca@coristanco.gal.

Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo ao concello de Coristanco: a Asociación de Dano Cerebral da Coruña, ADACECO.