Aviso importante.
Dende esta medianoite entra en vigor a nova orde recollida no DOG do día de hoxe, pola que se recolle o uso da máscara con carácter OBRIGATORIO en todos os espazos ao aire libre ou pechados con indenpendencia que se poida manter a distancia de seguridade de 1,5 metros.
“Para as persoas de seis ou máis anos será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.”
“d) Excepcións á obriga de uso da máscara:
1º) Cando se trate de persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.
2º) Nos vehículos de turismo, cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domicilio.
3º) Nas praias e piscinas, durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas.
4º) Nos establecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento exclusivamente no momento específico do consumo.
5º) No interior dos cuartos de establecementos de aloxamento turístico e outros espazos similares, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no cuarto.
6º) Nos buques e embarcacións de transporte de competencia autonómica, no interior dos camarotes, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no camarote.
7º) No caso de exercicio de deporte individual ao aire libre, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva e sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento da distancia de dous metros con outras persoas non conviventes.
8º) No caso de actividade física e deportiva en instalacións e centros deportivos, sempre que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal en todo momento, exclusivamente durante a realización das ditas actividades e tendo en conta o protocolo publicado para a dita instalación.
9º) En supostos de forza maior ou situación de necesidade ou cando, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatible, conforme as indicacións das autoridades sanitarias.”
#Covid19 #sentidiño #reponsabilidade