A XUNTA ADXUDICA A EXECUCIÓN DUNHA OBRA DE PASO SOBRE O RÍO VAO, EN CORISTANCO, PARA FACILITAR O ACCESO ÁS FINCAS NUN CAMIÑO DE SERVIZO DA AUTOVÍA DA COSTA DA MORTE

• Os traballos, cun investimento autonómico duns 35.000 euros, dispoñen dun prazo de execución de 1 mes e comezará nas vindeiras semanas
• Esta actuación no camiño de servizo da marxe dereita da autovía permitirá un aforro nas distancias percorridas para acceso ás fincas, ás que actualmente débese acceder por un lugar distinto de cada marxe do río
• A actuación desenvólvese en terreos titularidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, polo que non é necesario realizar expropiacións

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a execución dunha obra de paso sobre o río Vao, en Coristanco, para facilitar o acceso ás fincas nun camiño de servizo da autovía da Costa da Morte.
Este contrato, cun investimento autonómico duns 35.000 euros, foi adxudicado á empresa Covsa. As obras comezarán nas vindeiras semanas e contan cun prazo de 1 mes.
Trátase de atender á solicitude do Concello de Coristanco para permitir o cruce dun curso de auga no camiño de servizo da marxe dereita da autovía, no seu punto quilométrico 40+070.
O camiño de servizo existente da acceso actualmente a todas as fincas, pero non existe a posibilidade de cruzar o rego, debéndose acceder ás fincas de cada marxe do río por un lugar distinto. Coa execución da obra de paso permitirase un aforro nas distancias percorridas para acceso ás fincas.
Os traballos consisten na disposición de tres marcos de 2 x 1 metros de sección rectangular, colocados en paralelo un a carón do outro. Esta sección adáptase ao ancho do canle existente, de 6 metros, permitindo desaugar á avenida ordinaria.
A actuación desenvólvese en terreos titularidade do departamento de Infraestruturas da Xunta, polo que non é necesario realizar expropiacións.