A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou o Concello de Coristanco
A XUNTA DE GALICIA ACHEGARÁ 120.000€ PARA A CONSTRUCIÓN DUN CENTRO SOCIAL INTERXENERACIONAL EN CORISTANCO
O Concello acondicionará un inmoble sen uso para dotar o municipio dun novo recurso para maiores e mozos
A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou o pasado Martes que o Goberno galego destinará 120.000 euros para a construción dun centro social interxeracional no Concello de Coristanco. Díxoo durante unha visita realizada o martes ao municipio de Coristanco na que estivo acompañada do alcalde, Juan Carlos García Pose.
A conselleira adiantou que neste primeiro trimestre do ano se procederá á sinatura do convenio entre a Consellería de Política Social e o Concello, no que se recollerá esa achega de 120.000 euros que se repartirá en dúas anualidades: 2020 e 2021. O Concello será quen execute as obras de remodelación do inmoble situado na Área Recreativa da Rocheira e ademais xestionará posteriormente o centro.
Fabiola García destacou a vontade do Concello de que o centro sexa de carácter interxenaracional, polo que poderá albergar recursos e actividades non só para os maiores, senón tamén para as mozas e mozos do municipio.
O edificio de 447,65m2 conta con dúas zonas, unha delas dedicarase integramente a actividades para os maiores aproveitando ademais a propia localización do centro nunha zona verde. O mesmo ocorre coa área destinada a xuventude, que será un valor engadido para as instalacións coas que xa se contan moi preto do futuro centro, como son a piscina e o campo de fútbol municipal.
A comitiva desprazouse posteriormente á parroquia de Erbecedo, concretamente á antiga rectoral, xa que o Concello quere habilitar “Unha Casa dos Maiores”. O obxectivo é crear un espazo para a xente maior que por unha parte este atendida e coidada e a súa vez preto das súas casas e familiares.
Nesta visita tratouse tamén o asunto da ampliación da Escola Infantil de Coristanco, xa que as instalacións está ao completo e hai lista de espera.
A conselleira subliñou a importancia da colaboración entre as administracións locais e a autonómica, que está permitindo a extensión de recursos tanto para as nenas e nenos como para os maiores por toda a xeografía galega, especialmente nos concellos do rural.