O entorno da capela de Santa Ana ofrece un aspecto totalmente renovado. Despois da rehabilitación da antiga capela, que fora trasladada no seu día dende o lugar de Nogueira ata o da Rabadeira, na parroquia de Seavia, o Concello de Coristanco está a acometer a construción dunha gran praza deseñada para o seu uso por parte de nen@s e maiores. O alcalde, Antonio Pensado, realizou hoxe unha visita para supervisar os traballos da praza que rodea a capela, e que de distribúe entre zona de esparcemento, parque infantil, áreas axardiñadas e ramplas de acceso. As obras quedarán rematadas nas vindeiras semanas.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Os pequen@s xa teñen á súa disposición un moderno parque infantil, con chan de caucho e xogos variados. En breve os maiores contarán tamén cun parque saudable, con aparatos para facer exercicio físico, respondendo así á demanda dos veciños e veciñas do lugar.

O Concello de Coristanco optou para a praza por tres pavimentos diferenciados segundo os usos que van ter: a maior parte está conformado por grandes lousas de granito antideslizante que outorgan un aspecto rústico moi acorde coa capela e co entorno. Ese mesmo material utilizouse tamén para os bancos, distribuídos por todo o perímetro. Na zona de acceso rodado utilizouse formigón, pensando principalmente nos vehículos de gran tonelaxe como os camións das orquestras. E para facilitar a entrada dende o lugar acondicionouse unha rampla de formigón impreso para uso peonil.

As obras de construción da nova praza de Santa Ana contaron coas autorizacións do Arzobispado de Santiago e de Patrimonio. O orzamento acada os 130.000 euros, financiados cunha subvención da Deputación Provincial da Coruña e con recursos propios do Concello de Coristanco.