Coristanco, 15 de setembro do 2014. A Festa da Pataca máis gastronómica está a piques de comezar. Mañá martes arrincará a Ruta dos Pinchos, “a gran novidade deste ano”, como a definiu a concelleira de Cultura, Clarisa Couto, no acto de presentación do programa celebrado hoxe pola mañá. O Concello de Coristanco confía plenamente no éxito da iniciativa, xa que conta co respaldo de toda a hostalería local, e tanto é así que Clarisa Couto xa ten en mente ampliala ao resto do municipio o ano que vén. A Ruta dos Pinchos, que se prolongará ata a véspera do día grande, funcionará a diario de 20.00 a 23.00 horas, e rematará co sorteo dunha cea para catro persoas ou 100 quilos de patacas.

Pero este percorrido gastronómico por Café bar Antoxo, Cervecería Arume, Pizzería Il Molino, Bodegón Trincado, Café bar Anabel, Cervecería La Arboleda, Tasca A Pataca, Parrillada Alaska e Cervecería Verxel non vai ser a única actividade previa á Festa da Pataca. Para o día 19 está programada no edificio de servizos múltiples unha charla sobre “Patoloxía e pragas da pataca” que será impartida por técnicos especialistas. A conferencia, que está aberta a todos os veciños e veciñas, celebrarase de 10.00 a 12.00 horas. Os interesad@s deben confirmar a súa asistencia no teléfono 981 733 280.

Clarisa Couto, que estivo acompañada na presentación polos concelleiros Maruja Eiroa e Luis Souto, desgranou tamén o contido da festa do domingo, que empezará ás 09.30 horas cos concursos e rematará pola noite coa verbena amenizada pola orquestra Pasarela. A concelleira explicou que, malia a crise, o Concello de Coristanco mantén a contía destinada a premios: un total de 6.640 euros. A maior parte, 4.950 euros, repartiranse entre os tractores engalanados, pero tamén terán recompensa os mellores produtos do campo, as figuras con patacas, as empanadas e as propostas gastronómicas máis sabedoras. Outra parte irá destinada aos concursos do baile da pataca, apaña a pataca, trueiro da pataca e tiro da corda, xogos tradicionais nos que poderán participar nenos, mozos e adultos.

cartel pataca REDUCIDO

A pataca será a gran protagonista do día. Os produtores terán un mercado para vender a súa colleita e na degustación deste ano, que preparará o restaurante Casa Sánchez, repartiranse 300 racións de patacas bravas e outras tantas de patacas con carne. O menú completo, con pato e xerro de barro, custará 5 euros. Quen o prefira terá ó seu dispor, como é habitual, varias pulpeiras.

Clarisa Couto destacou a variedade do programa da Festa da Pataca, na que tamén actuarán a Banda de Gaitas de Carballo, as charandas O Ghusto do Boi, Ruada e NBA, o circo de rúa de Duendesico Clown e a Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco, que cantará a misa das 12.30 horas.

O pregón, previsto para as 13.00 horas, correrá a cargo este ano de Clarisa Fernández, de Casa Sánchez, toda unha institución no mundo da restauración da comarca e activa participante na Festa da Pataca dende a súa primeira edición. A concelleira de Cultura expresou a súa satisfacción por poder contar como pregoeira cunha muller de tanta valía, premiada co galardón a toda unha vida dedicada aos fogóns.