A Festa da Pataca celebra o seu 35º aniversario cun programa repleto de actividades para todos os públicos. A primeira, o vindeiro venres 11, vai dirixida aos máis pequen@s, que descubrirán que “O sabor da aventura está no mar” nun obradoiro gastronómico sobre consumo de peixe que se celebrará ás 16 horas no Edificio de Servizos Múltiples.
Só un día despois arrincará a Semana dos Pinchos da Pataca, unha ruta gastronómica na que participarán os locais de hostalería con imaxinativas tapas para os seus clientes.
O programa tamén ten un oco para a formación e a información a través das Xornadas Técnicas, que se celebrarán os días 14, 16 e 18 na EFA Fonteboa, o local social de Agualada e o Edificio de Servizos Múltiples, respectivamente. O primeiro día estará dedicado ao cultivo da pataca; o segundo, á maquinaria, e o terceiro, ao aproveitamento gastronómico e a comercialización online da pataca. Todas as charlas empezarán ás 17 horas, e para a última xornada resérvase, ademais, unha mesa redonda.
Este ano a Festa da Pataca engade un novo escenario, o edificio administrativo situado fronte á casa consistorial, no que poderá verse unha exposición de fotos antigas da parroquia de Traba. A inauguración da mostra será o venres 18 ás 20.30 horas.
E, por fin, o domingo 20 será o gran día. A Festa da Pataca comezará ás 9.30 horas coa concentración de tractores e os concursos gastronómicos. Ás 10.30 animarán as rúas os gaiteiros Inllar e o circo de Duendesico e Volta e Dálle. Á mesma hora abrirá a Mostra Agroalimentaria. Un dos momentos estelares da xornada, o desfile de tractores engalanados, empezará ás 11.30, e media hora despois terá lugar un desfile hípico. O pregón, ás 12.30 horas, correrá nesta ocasión a cargo de Evaristo Domínguez Rial, historiador, mestre no colexio de Bormoio-Agualada e membro do Instituto de Estudos Bergantiñáns e da asociación ambiental Senda Nova. Despois da entrega de premios, prevista para as 13 horas, o cociñeiro do programa da TVG “Larpeiros”, Benigno Campos, ofrecerá unha demostración culinaria que rematará cunha degustación de pataca na rúa Muíño.
A primeira cita da tarde será ás 16 horas cos xogos infantís e xuvenís e unha exhibición de doma hípica. Ás 17 horas comezarán os tradicionais concursos de baile da pataca, apaña a pataca, trueiro da pataca e tiro da corda. En total, entre os concursos da mañá e da tarde, o Concello de Coristanco repartirá 5.690 euros en premios.
As últimas actividades da Festa da Pataca serán as actuacións de Rodesindo da Barrosa co seu teatro de rúa ás 19 horas e do grupo folk Birimbao ás 20.
Boa festa a tod@s!