A XUNTA E O CONCELLO DE CORISTANCO ANALIZAN O FUNCIONAMENTO DAS NOVAS LIÑAS DE TRANSPORTE PÚBLICO QUE PRESTAN SERVIZO NO MUNICIPIO

  • A Consellería de Infraestruturas buscará fórmulas para adaptar os horarios dos novos servizos de transporte para facilitar a entrada e saída ao instituto duns 30 alumnos do concello

  • A conselleira e o rexedor abordaron a colaboración entre a Xunta e o Concello para mellorar o sistema de saneamento e abastecemento, que presenta carencias no mantemento

  • Analizaron as previsións na construción das sendas peonís nas zonas do hipermercado e do cemiterio para incrementar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade sustentable

Coristanco (A Coruña), 26 de febreiro de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Coristanco, Juan García Pose, na que abordaron o funcionamento das novas liñas de transporte público que prestan servizo no municipio.

Ethel Vázquez Mourelle trasladoulle ao rexedor a viabilidade de atender as demandas e asegurou que se buscarán fórmulas para adaptar os horarios dos novos servizos de transporte, que veñen de entrar en funcionamento, para permitir a entrada e saída ao instituto duns 30 alumnos deste municipio.

Tamén lembrou que proximamente os menores de 21 anos deste concello se poderán beneficiar da tarxeta ‘Xente Nova’, que posibilita viaxar de balde no transporte interurbano.

A conselleira e o rexedor analizaron tamén a colaboración entre a Xunta e o Concello para mellorar os sistemas de abastecemento e saneamento de auga no municipio, que presentan grandes deficiencias motivadas pola falta dun mantemento axeitado.

A seguridade viaria tamén foi outro asunto avaliado no encontro de traballo desta reunión. A este respecto, abordouse a construción de sendas peonís na zona do hipermercado (Carrefour) e na contorna do cemiterio, en Agualada, que lle permitirán aos veciños realizar os seus desprazamentos cotiás en condicións de maior seguridade e comodidade.