
A biblioteca pública municipal de Coristanco ofrece aos seus usuarios e usuarias a posibilidade de acceder de forma gratuíta á Aula Planeta, un banco de contidos audiovisuais e interactivos orientados a alumn@s de Primaria e ESO que cobre por completo o currículo escolar. A Aula Planeta adáptase ao nivel dos nenos e nenas, ás súas necesidades de aprendizaxe e a súa metodoloxía de estudo. Ademais, permite o estudo individual, fomenta a autoavaliación, estimula o traballo colaborativo e facilita a explotación nun entorno dixital seguro. Co servizo que pon á súa disposición a biblioteca municipal tamén se promove a capacidade de alfabetización crítica, cunha especial atención aos criterios do exame PISA en lectura, ciencias e matemáticas.
A biblioteca de Coristanco, situada no primeiro andar do edificio de servizos múltiples, tamén pon a disposición dos usuari@s dous equipos informáticos con libre acceso á web e á rede de bibliotecas.
A oferta complétase cun servizo de empréstito de literatura infantil, xuvenil e de adultos. Entre os fondos da biblioteca municipal atópase narrativa española e estranxeira, romántica, histórica, novela negra, así coma todas as novidades editoriais e best sellers. Os alumnos do CPI Alcalde Xosé Pichel teñen á súa disposición, ademais, os libros de lectura obrigada para ESO. Tamén poden consultar grandes coleccións (premios Planeta, clásicos universais…) e obras de educación infantil.
Os veciños e veciñas interesados en coñecer con máis detalle os servizos da biblioteca pública municipal poden contactar a través dos números de teléfono 981 733 280 e 651 664 908 ou do e-mail coristanco.rbgalicia@eidolocal.es.