Pazo de Cereo Vello (Cereo)

Propiedade privada non visitable. Situado case á beira do camiño sen muro exterior de peche. Zonas de cultivo e pastos adxacentes con hórreo e pombal. Planta rectangular alongada con alpendre en prolongación. Cuberta de tella a dúas augas. Fábrica de cachotaría con xambas, linteis e esquinais dos muros de cantería. Fachada posterior enfoscada e encalada. Escudo centrado sobre a porta de entrada.

 

Pazo de Nogueira(Seavia)

Propiedade privada non visitable. Situado no alto dun outeiro dominando o val. Rodeado de muralla de cachotaría. Torre de planta cadrada, de cadeirado e corpo en L unido á escaleira da torre, de cachotaría de granito e recebo. Parte das fachadas cubertas de hedra. Ten dous escudos sobre a torre.

 

Pazo de Ponte(Verdes)

Propiedade privada non visitable. Sitúase no medio rural, rodeado de prados e froiteiros. Sobre os elementos paralelepípedos do Pazo, destaca a torre con dous salientes. A torre ou edificio principal atopa recebo, deixando ao descuberto marcos de vans e esquinais en cadeirado de granito

 

Pazo de Ferreiro -O Ferreiro (Xaviña)

Propiedade privada non visitable. Amurallado na súa parte posterior, rodeando os terreos froiteiros e dependencias auxiliares: pombal, hórreo de ladrillo, lavadoiro, palleiro, etc. Planta en forma alongada. Fábrica de cadeirado e cachotaría de granito combinada, concertada e rexuntada con morteiro de arxila. Cantería en cornixa e delimitando os vans. Fachada de dúas plantas e tellado a dúas augas. No centro escudo da familia.

 

 

Fonte-Turgalicia